
Ponteareas en Común expresa a súa máis firme condena polos feitos acontecidos no pleno de novembro e nas horas anteriores e posteriores ao mesmo no Concello de Ponteareas, onde as traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar, que levan xa 61 días de folga indefinida, foron desaloxadas á mañá seguinte do salón de plenos tras un novo episodio de tensión que, segundo denuncian elas mesmas, incluíu provocacións e posibles agresións por parte da alcaldesa, Nava Castro.
As traballadoras decidiron permanecer no salón de plenos ao rematar a sesión, tal e como xa fixeran noutras ocasións, ante a falta de avances na negociación e o bloqueo absoluto do goberno municipal. A resposta do executivo de PP-ACiP-IP foi, de novo, un peche en banda, negándose a dialogar e impedindo mesmo a presenza de xornalistas durante o pleno, nun novo ataque á transparencia e ao dereito á información.
Ponteareas en Común considera extremadamente grave que un goberno municipal recorra ao uso da forza e á expulsión de traballadoras en folga en lugar de solucionar un conflito laboral xerado pola empresa concesionaria Óbolo, responsable de incumprimentos reiterados, precariedade salarial, falta de persoal, nóminas mal cotizadas e outras irregularidades xa documentadas durante meses.
O concelleiro de Ponteareas en Común, Manoel Ucha, declarou:
“O que ocorreu hoxe no Concello é intolerable. Un goberno incapaz de resolver o conflito do SAF está a pasar a liña vermella da vulneración de dereitos. As traballadoras levan 61 días en folga porque Óbolo está a degradar en extremo as condicións laborais e as deficiencias no cumprimiento do contrato en termos
de atención ás persoas usuarias son indignas . A resposta da alcaldesa non pode ser provocar, expulsar e calar ás que están defendendo os seus dereitos.”
Ucha insiste en que o goberno municipal debe asumir responsabilidades políticas inmediatas:
“A alcaldesa Nava Castro e o concelleiro responsable, Francisco Jesús Represas, deben asumir as consecuencias políticas e dimitir. A súa actuación é incompatible cunha xestión democrática, transparente e responsable.”
Ponteareas en Común volve a esixir a expulsión inmediata de Óbolo, liña vermella das traballadoras, e insta ao Concello a solucionar o desastroso servizo de axuda no fogar derivado da xestión privada durante anos e tras diversos gobernos.
A formación municipalista indica que iniciar o camiño cara á xestión pública directa do servizo é única vía para garantir estabilidade laboral e unha atención digna ás persoas usuarias a medio e longo prazo debido á precariedade sistémica imposta polas empresas do sector.
A organización reitera o seu apoio total ás traballadoras do SAF e denuncia que o comportamento do goberno local só contribúe a agravar un conflito que xa é o máis extenso na historia do municipio.