O SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR. PRIVATIZADO, NINGUNEADO, IMPRESCINDIBLE.

No pasado pleno municipal do 2 de setembro aprobábase a continuidade da actual empresa adxudicataria do servizo de axuda no fogar, Aralia e a licitación dun novo contrato de xestión do servizo. A continuidade de Aralia foi aprobada cos votos a favor do goberno, a abstención do BNG e do PSOE e o voto en contra de PeC. No caso da nova licitación, a proposta foi aprobada unicamente cos votos dos grupos do goberno municipal

A continuidade de Aralia estivo precedida de controversia dado que os pregos establecían un prazo de cinco meses antes da finalización do contrato para iniciar o procedemento de prórroga, algo que o Concello fixo con tres meses de atraso. Non é algo novo neste concello que o goberno municipal se "esqueza" de tramitar o procedemento de renovación ou nova licitación dun contrato de xestión do servizo de axuda no fogar. Así sucedeu no 2017, cando o goberno municipal do BNG, PSOE e ARdT deixaron caducar o contrato, feito que permitiu á empresa, por entón CLECE, chantaxear ao concello esixindo unha suba do prezo do mesmo coa ameaza de abandonar o servizo.

Non podemos saber se estes "esquecementos", son froito da neglixencia ou son sintomáticos do modelo político dos gobernantes . Probablemente sexan as dúas cousas. O que está claro é que unha vez máis, o goberno de Ponteareas deixou nun segundo plano un servizo que é fundamental tanto para as persoas usuarias directas do servizo como para as súas familias. Un servizo que cumpre unha dobre función social: por un lado a de atención ás persoas dependentes e por outro a de facilitar o descanso para os seus achegados.

A pesares da importancia deste servizo as traballadoras que o levan a cabo son  ninguneadas con contratos precarios, a tempo parcial, baixos salarios, non recoñecemento dos riscos propios do seu traballo e mesmo con frecuentes incumprimentos do seu convenio colectivo.

En Ponteareas hai dous tipos de traballadoras, sempre traballadoras, do Servizo de Axuda no Fogar: as contratadas directamente polo Concello, que forman parte do cadro de persoal do mesmo, e as contratadas a través dunha empresa externa.

Se dende PeC defendemos sempre a xestión pública dos servizos básicos, no caso do SAF o feito de que estea privatizado é aínda máis grave. Se temos en conta que todas as xestións relativas ao servizo coma a quen se lle presta, a frecuencia do mesmo ou a asignación das distintas traballadoras a cada servizo, as realizan as responsables dos servizos sociais do concello,  cal e a función da empresa externa aquí? Pois evidentemente non é o de dar mellor servizo ás persoas usuarias se non por un lado a do lucro dunha empresa a costa do público e das traballadoras (un 5% nominal, que probablemente será maior en realidade) e por outro facilitar a precarización das condicións laborais das traballadoras, non hai máis.

Por iso PeC votou en contra da licitación dun novo contrato de xestión do Servizo de Axuda no Fogar, porque consideramos simplemente parasitaria a presenza dunha empresa externa no ámbito de xestión dos coidados das nosas persoas dependentes e reclamamos a remunicipalización da parte privatizada do servizo. Ou o que é o mesmo: eliminar da ecuación a quen se lucra co traballo das demais e contratar directamente polo concello a estas traballadoras. Outros parece que votaron en contra porque non se garante suficientemente nos pregos de licitación do novo contrato o lucro da empresa xestora aínda que ao mesmo tempo se suben ao carro das reclamacións das traballadoras. Eses mesmos, BNG e PSOE, fixeron oídos xordos cando Esquerda Unida lles reclamou que actuaran ante os incumprimentos contractuais coas traballadoras que estaba a cometer a empresa xestora do servizo cando eles gobernaban. Por non mencionar que actuaron coma auténticos empresarios explotadores durante as negociacións das condicións laborais das traballadoras do concello.

Vaia dende PeC o noso recoñecemento e agradecemento á labor das traballadoras de axuda no fogar e o noso compromiso de que seguiremos defendendo, como sempre fixemos, unha dignas condicións laborais para elas e a súa integración no cadro de persoal do concello.