Dous anos plantando cara ao PP: o primeiro concelleiro de Ponteareas en Común marca un antes e un despois na política local

Hai dous anos Ponteareas en Común entrou por primeira vez na corporación municipal, logrando un feito histórico: a elección de Manoel Ucha como o primeiro concelleiro do espazo de coalición. En pouco tempo, o grupo consolidouse como a voz máis firme, incómoda e coherente fronte ao PP e a dereita, marcando un punto de inflexión na oposición local e na política ponteareá.

“Non vimos ao Concello para calar nin para ser decorado institucional. Estamos para cuestionar o que non funciona e propoñer alternativas reais”, afirma Manoel Ucha, concelleiro de Ponteareas en Común. “A nosa forza está en falar claro, en representar a quen non ten voz e en demostrar que se pode facer política con dignidade e valentía.”

Actualmente Ponteareas en Común é protagonista de momentos clave da vida política local. Apoia activamente a folga indefinida das traballadoras do SAF, coa denuncia a explotación laboral da empresa Óbolo e a actitude antidemocrática da alcaldesa Nava Castro, que chegou a impedir a intervención das traballadoras en pleno. O grupo tamén votou en contra das contas municipais de 2024, criticando que o goberno “presuma de superávit mentres abandona os servizos públicos e as políticas sociais”.

A actividade institucional de PeC destaca polo seu volume e coherencia: é o grupo con máis mocións, preguntas e propostas rexistradas, a pesar de ter un único representante. Entre as súas iniciativas salientan a creación de comunidades enerxéticas locais, programas contra a soidade non desexada e a emerxencia social, o impulso dun plan de mobilidade sostible, e a defensa da vivenda pública e dos refuxios climáticos.

“Somos a única oposición real fronte á dereita. E ser incómodos para quen manda é o mellor sinal de que estamos facendo o noso traballo”, engade Ucha.

Con motivo deste segundo aniversario, Ponteareas en Común anuncia un acto público de balance e encontro coa veciñanza o vindeiro 8 d Novembro, aberto a todas as persoas que queiran participar na construción dunha alternativa útil, feminista e ecoloxista para Ponteareas.